30/11/22
Data: 30 de novembro de 2022
O pasado mércores presentouse en Ourense o proxecto COPERIA por parte do Conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña.
O proxecto COPERIA (acrónimo de Plataforma de apoio a doentes afectados por COVID persistente baseada en Intelixencia Artificial) trata de desenvolver ferramentas para identificar e tratar a COVID persistente, unha enfermidade que afecta a aproximadamente o 10% dos doentes que desenvolven a COVID.
Os obxectivos do proxecto son o cribado de doentes con COVID persistente, a anticipación de brotes incapacitantes en doentes afectados por esta enfermidade, a posibilidade de ofrecer solucións de tele-rehabilitación a doentes afectados pola COVID persistente, tanto a nivel físico como cognitivo e o empoderamento de doentes a través do autocoñecemento da doenza.
Para isto empregaranse tecnoloxías de rehabilitación física personalizada, o uso de videoxogos rehabilitantes e intelixencia artificial para lograr unha validación clínica da doenza.
O proxecto aglutina a cinco organizacións, das cales 3 son pemes Bahia Software, 10mets, imaxin|software ) e 2 organismos de investigación (Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur e, a Universidade de Vigo ). O orzamento do proxecto ascende a 766.949,73 €, dos cales 643.247,78 €, proceden dunha axuda concedida ao amparo da resolución do 3 de decembro de 2021 pola que se conceden axudas do programa Conecta COVID para proxecto de I+D+i relacionados coa COVID-19 que favorezan a recuperación e a transición dixital das pemes galegas, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea dentro do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020 (código de procedemento IN852D 2021/20).
Esta iniciativa, en palabras do conselleiro, é “moi potente a nivel sanitario, pero tamén tecnolóxico, xa que reflexa a implicación de diversas empresas do sector, que contribuen a xerar un retorno no tecido empresarial”. COPERIA é, nas súas palabras, “un traballo novidoso, pioneiro en Galicia e que pon ao servizo da cidadanía as ferramentas máis punteiras”.